
Monte San Pedro
Parque de casi 80.000 metros cadrados con amplas vistas á costa e cidade da Coruña.
Dispón dun ascensor panorámico dende o paseo marítimo, cafetería e restaurante, e un Observatorio de cúpula semiesférica.
O Parque de San Pedro parte dunha antiga zona militar transfigurada como parque municipal. Durante a “II Guerra Mundial”, o franquismo ofreceu apoio loxístico á Alemaña nazi, e a “Kriegsmarine” do III Reich, que xa participara na guerra civil española, recibía aprovisionamento nos portos da Coruña e Ferrol amparada pola Batería de Cañóns do Monte.
Dous “Vickers” (adquiridos en 1929) de fabricación inglesa -15 pulgadas de calibre e 17 metros de lonxitude-, permanecen no alto do monte. Tiñan capacidade para disparar proxectís de unha tonelada de peso cun alcance de 38 quilómetros. Consérvanse asimesmo refuxios subterráneos e barracóns.
Nos seus 78.000 mts cadrados, tamén se vislumbran abas de toxos e breixos, un labirinto vexetal realizado con plantas italianas, unha cúpula atlántica de 360ª dende a que se amosan excelentes panorámicas da cidade, amplas zonas axardinadas, sendeiros, e un área de servizos.
O seu ascensor panorámico, ascende unha pequena porción de monte de 63 mts dende o paseo marítimo ata o mirador. Esta obra constituíu unha gran polémica pola relación inversamente proporcional entre custes e utilidade.
